Regulamento das entidades
cidadás e do Rexistro
Municipal de Asociacións. Lexislación
municipal (BOP Nº 108, de data 10/05/2001)
Artigo 1.
1.-De acordo cos recursos orzamentarios, o Concello subvencionará economicamente ás
asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais
dos veciños, tanto polo que se refire ós seus gastos
xerais como ás actividades que realicen.
2.-Para estes efectos, o orzamento municipal incluirá
unha partida destinada para este fin. O Concello, no exercicio
das súas potestades regulamentarias e de autoorganización,
aprobará as normas ou bases reguladores das formas, medios
e procedementos de distribución desa partida que, en todo
caso, terá en conta a representatividade da asociación,
o grao ou utilidade cidadá dos seus fins, a súa
capacidade económica autónoma e as axudas que reciban
doutros organismos públicos ou privados.
Artigo 2.
1.-As asociacións ás que se refire o artigo anterior
poderán acceder ó uso de medios públicos
municipais, especialmente ós locais sociais, coa limitación
que impoñía a Ordenanza municipal sobre uso de
locais municipais.
2.-O uso dos medios públicos municipais deberá
ser solicitado ó Concello por escrito coa antelación
que establezan os servicios correspondentes.
Artigo 3.
Sen prexuízo do dereito xeral de acceso á
información municipal recoñecido ós veciños,
as entidades ás que se refiren os artigos anteriores gozarán
dos seguintes dereitos.
a) Recibir no seu enderezo social as convocatorias dos
órganos colexiados municipais que celebren sesións
públicas ou daquelas en que deba de estar pendente o movemento
cidadán.
b) Recibi-las publicacións periódicas, no seu caso,
que edite o Concello.
Artigo 4.
1.-Os dereitos recoñecidos ás asociacións
para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños
só serán exercitables por aquelas que se atopen
inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
2.-O Rexistro ten por obxecto permitir ó Concello coñece-lo
número de entidades existentes no municipio, os seus fins
e a súa representatividade, para posibilitar unha correcta
política municipal de fomento do asociacionismo veciñal.
3.-Poderán solicitar e obte-la inscrición no Rexistro
Municipal de Asociacións todas aquelas entidades legalmente
constituídas, de funcionamento democrático e sen ánimo
de lucro de carácter cultural, social, deportivo, veciñal,
persoas maiores, xuventude, etc., con domicilio social no municipio
de Ordes e que neste ámbito xeográfico desenvolvan
as súas actividades, que consistirán fundamentalmente
na defensa, fomento e mellora dos intereses xerais ou sectoriais
dos cidadáns.
Artigo 5.
1.-A solicitude de inscrición presentarase nas oficinas do Concello.
2.-O rexistro levarase na Secretaría Xeral da Corporación, e os
seus datos serán públicos. As inscricións serán realizadas
polas asociacións interesadas, que terán que presenta-los seguintes
datos:
a) Estatutos da asociación.
b) Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións
e noutros rexistros públicos.
c) Nome e apelidos das persoas que ocupen os cargos directivos.
d) Enderezo social.
e) Orzamento das actividades.
f) Programa de actividades do ano en curso.
g) Certificación do número de socios.
Artigo 6.
1.-No prazo de quince días desde a solicitude de inscrición, e
agás que se teña que interromper para presentar documentación
non incluída inicialmente, o Concello notificará
á asociación o seu número de inscrición,
e a partir dese momento, considerarse dada de alta
para tódolos efectos.
2.-As asociacións inscritas están obrigadas a mante-los seus datos ó día,
notificando cantas modificacións se fagan. O orzamento e o balance económico
do exercicio anterior e o programa anual de actividades comunicaranse durante
o primeiro trimestre de cada ano.
Disposicións adicionais.
En todo o non previsto por este regulamento, estarase
ó disposto nas seguintes normas: Lei 7/1985,
do 2 de abril, reguladora das bases de réxime
local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración
local de Galicia; texto refundido das disposicións
vixentes en materia de réxime local, aprobado
por Real decreto lexislativo 781/86, do 18 de abril;
Regulamento de organización, funcionamento e
réxime xurídico das entidades locais,
do 28 de novembro de 1986; Lei 30/1992, do 26 de novembro,
do réxime xurídico das administracións
públicas e procedemento administrativo común;
Lei reguladora do dereito de petición; Lei 92/1960,
do 22 de decembro, e Lei reguladora das distintas modalidades
de referendo; Lei 2/1980, do 18 de xaneiro.
O procedemento de revisión ou modificación axustarase ó establecido
no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime
local.
Disposición final.
Este regulamento entrará en vigor os quince días da súa
publicación completa no BOP, e tramitarase de acordo co procedemento establecido
no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime
local.
Ordes, 4 de abril de 2001.
O alcalde, asinado.
|